GaraAzkenak - Paperezkoa - English Edition  |  Le Journal
EUS | ES | FR | ENG
 » PAPEREZKOA
  -Aurkibidea
  - EuskalHerria
- Jendartea
- Ekonomia
- Iritzia
- Mundua
- Kultura
- Kirolak
 » AZKENORDUA
 » ENGLISH EDITION
 » DOSIERRAK
 » DOKUMENTUAK
 » IRUDITAN
 » HEMEROTEKA
 » Produktuak
Gara > Idatzia > Iritzia > Gaurkoa 2006-07-15
Xosé Estévez - Historiador e profesor da Universidade de Deusto
Castelao e Euskal Herria

Castelao é unha das persoalidades máis senlleiras que agromou en Galiza, ise vello país de longa memoria, de largacía peregrinaxe polos recunchos da historia e arredado pola xeografía no finisterrae de Europa.

Segundo o meu cativo entendemento na galaxia de persoeiros galegos sobrancean tres lumieiras na idade contemporéna: Rosalía de Castro, na segunda mitade do século XIX, Castelao na primeira do XX e Manuel María na segunda do século pasado. As tres, mesmamente moi vencelladas a este garimoso País Vasco, que tamén bica as rumorosas augas do mar Cantábrico, así como outras moitas: Manuel M. Murguía, o esposo de Rosalía, Curros Enríquez, amigo de Bilintx, Lousada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte, Alexandre Bóveda, Alvaro das Casas. Cumprida ringleira, que simboliza as fortes ligazóns entre istes dous Pobos irmáns.

Castelao, emporiso, érguese como mastro enfesto nestas relacións por moitas e nidias razóns.

Unha morea de monumentos, rúas e prazas dedicadas a iste rianxeiro, galego integral e polo mesmo universal, enfeitizan pobos e cidades vascas como Pasaia, Donostia, Eibar, Txurdínaga. O que se inaugura iste 15 de xullo, co gallo do setenta e cinco cabodano da fundación da Casa de Galiza, no parque Castelao, ubicado no bairro donostiarra de Intxaurrondo é unha digna coroa desta xeira.

Escritores euskalduns de sona como Antonio María Labayen, Gabriel Aresti, Koldo Izagirre, Ramón Etxezarreta ou Bego Montorio traduciron ao éuscaro case tódalas as obras narrativas e teatrais de Castelao. Mesmo existe unha importante obra de investigación sobre as relacións de Castelao cos vascos a cárrego de Iñaki Anasagasti.

O rianxeiro xa era coñecido no País Vasco durante a II república polo feito de ter sido diputado do Partido Galeguista en duas lexislaturas e manter amizade con outros diputados vascos como Agirre, Aldasoro e Irujo. Pero. sobre todo, difundiron a sía figura os artigos de Vicente Risco, colaborador do xornal “Euzkadi”, nos que a eito louvaba a Castelao en tódolas súas facianas da vidas: arte, caricatura, literatura e política. Durante a etapa republicana visitaría o País Vasco en duas ocasións.

A primeira aconteceu no outono de 1932. Foi unha viaxe particular a Gernika, donde, na compaña do diputado de IR, o tolosarra Ramón Aldasoro, bicou a árbore, símbolo das libertades vascas, e levou un xermolo para plantalo en Galiza. A segunda ocasión sería o 2 de abril de 1933 para participar nun mitin celebrado no Frontón Euskalduna de Bilbao e artellado por ANV.

Tamén visitaría Gernika na compaña do catalán Riera i Puntí e do aneuvista Sabin Seijo e os tres asinarían, no Album da Casa de Xuntas, o pacto de Gernika, ratificando a solidariedade dos tres Pobos pra acadar a libertade.

Non convén silenzar tampouco a defensa que Castelao realiza a cotío dos dereitos á libertade e á soberanía do Pobo Vasco no seu libro “Sempre en Galiza”, pobo ó que mencioa en 196 citas.

Iste libro, cuxa primeira edición saiu do prelo en Bos Aires en 1946, está considerado como a «Biblia do Galeguismo». Remata resumindo a suas ideas políticas, algunhas premonitorias, se se lle houbera feito caso.

A autonomía integral de Galiza para federarse cos demáis Pobos de Hespaña; A República Federal Española para confederarse con Portugal; A Confederación ibérica para ingresar na Unión Europea; Os Estados Unidos de Europa para constituir a Unión Mundial.

No movemento Galeuzca, que ten os alicerces na Triple Alianza arredista, asinada o 11 de setembro de 1923 en Barcelona, confírmase no Pacto de Compostela ou Galeuzca, selado en Santiago o 25 de xullo de 1933 e ratifícase nos sucesivos pactos artellados no exilio, sobre americano, entre 1941 e 1947, é onde Castelao pon toda a súa carne na grella, convertíndose no más férvedo siareiro desta entente trinacional.

Castelao matinaba que somentes as tres nacións xunguidas mediante rexo convenio serían quenes de trocar a estructura unitaria, uniformista e centralista do Estado español por outra de xorne confederal. Neste novo artellamento as tres nacións, Galiza, Euskal Herria e Catalunya vencellaríanse mediante pactos internacionais, libres, voluntarios e reversíbeis.

Castelao finou en xaneiro de 1950 en Bos Aires, nun exilio imposto polo réxime franquista, sen ver cumprido o seu soño: unha Galiza liberada social e nacionalmente que xunto as outras nacións peninsulares conformaría unha Confederación Ibérica. Iste soño repítese unha e outra vez non só no “Sempre en Galiza”, senón tamén na farturenta correspondencia epistolar con persoeiros vascos como José Antonio Agirre e, sobre todo, con Manuel de Irujo, o seu máis íntimo e fidel amigo vasco.

No seu pasamento non fallaría unha abastada presencia vasca. Pedro de Basaldúa, delegado do Goberno Vasco, asistiu en representación deste. Basaldúa e Manuel de Irujo escribiron sentidos artigos de pesar no número extraordinario de “A Nosa Terra” sobre o pasamento de Castelao.

No mes de febreiro seguinte o Goberno Vasco, ubicado en París, orgaizaría un funeral e unha homenaxe cívica coa participación de esgrevios persoeiros republicáns españois, cataláns, galegos e vascos, entre eles o lehendakari Agirre, por suposto, a adhesión do President da Generalitat, Josep Irla, e o propio Presidente da República no exilio, Diego Martínez Barrio.

Non quero esquecer unha aparente miudeza, mais dabondo ben significativa. Os únicos responsos recitados diante do cadaleito de Castelao cantounos en eúscaro o Pai Iñaki de Azpiazu, un crego vasco nado en Azpeitia. Iste dato reveloumo el mesmo en persoa, confirmoumo oralmente Bieito Abraira e ratifícao Rodolfo Prada en carta a D. Ramón Otero Pedrayo.

O Pobo Vasco é agradecido e hospitalario, moi lonxe dos tópicos que verten pola parameira mesetaria e lugares adxacentes os túzaros centralistas españois, moitos deles viúvos do franquismo e casados en segundas nupcias con esta seudodemocracia, que tanxemos como podemos.

único «delito» deste Pobo é loitar arreo, sen acougo e sen baixar a cabeza, pola súa soberanía nacional para arrequentar o polífono concerto da variada riqueza universal de pobos libres e diferentes. Iste pobo vasco, xeneroso e solidario, acolleu a máis de 70.000 galegos antes e durante a «longa noite de pedra», dándolles pan, fogar, traballo e familia.

O 15 de xullo acollerá outro símbolo máis da fraternidade vasco-galega. No bairro donostiarra de Intxaurrondo erguerase un monumento ó rianxeiro no parque Castelao, así bautizado en 1994, e que conta con un cruceiro dende 1993.

Iste fermoso monumento, proxectado por Xosé Antonio Vilaboa, representa o mapa de Galiza en pedra-grá branca, que acolle no seu seo unha autocaricatura de Castelao en mármore moura, un trisquel e unhas verbas en galego, eúscaro e castelán. Olla dereito cara a Zurriola para furar as «lañoas» bretemosas do Cantábrico e arrolar con gaitas e txistus o berce das ondas en simbiose de muiñeiras e zortzikos.

Os galego-euskadianos sentímonos fachendosos de vivir neste País, que anda a percorrer o camiño da paz cas armas incruentas do diálogo e da negociación, sendeiro no que axudaremos dentro das nosas posibilidades.

Temos o toro da nosa árbore vital ben chantado na nación finisterral, a que non renunciamos, pero abrimos as pólas ó vento da solidariedade á patria eúscara, aberta á esperanza, e na que quezabes entregaremos os nosos ósos para semente de froitífero porvir! -


 
Inprimatu
...Albiste gehiago
Iritzia
Hiriente ONU
Euskal Herria
Garzón decreta libertad bajo fianza para Pablo Muñoz, al que imputa «colaboración»
Euskal Herria
La injusticia llega a los tribunales ocho años después del cierre de «Egin»
Jendartea
Azkenean iritsi gara Ternuara, eta Ternua ederra da
Ekonomia
Un trabajador navarro muere aplastado en Ziordia
Kultura
El abrazo del verano
Kirolak
Juventus, Fiorentina y Lazio descienden a la Serie B por fraude deportivo
Mundua
Israel bombardea de nuevo Beirut y la ONU no respalda a Líbano
  CopyrightGara | Kontaktua | Norgara | Publizitatea |  rss